Monday 16 de September de 2024

O alcalde recibe ao comité de empres de Celsa Atlántic para mostrarlles o apoio do concello


A planta siderúrxica xera douscentos postos de traballo entre directos e indirectos.

O alcalde, José Manuel López Varela, recibiu hoxe na Casa Consistorial ao comité de empresa da fábrica de Celsa Atlantic da Laracha para manifestarlles o apoio do Concello trala recente sentencia xudicial que supón o cambio de control da siderurxia e avala o plan de reestruturación proposto polos fondos acredores.

O rexedor municipal -ademais do tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e a concelleira de Emprego, Rocío López, tamén presentes na xuntanza-, interesáronse pola situación actual dos traballadores da factoría, mostráronlles a súa solidariedade e comprometéronse a apoiar as iniciativas e reivindicacións que se leven a cabo na defensa do mantemento de todos os postos de emprego ao tratarse dunha planta con potencial e capacidade produtiva.

A fábrica de Celsa Atlantic é estratéxica no termo municipal da Laracha en particular e na comarca de Bergantiños en xeral xa que a súa actividade xera preto de douscentos postos de traballo entre directos e indirectos. Conservar a actividade na factoría é esencial para garantir o futuro industrial da Laracha e protexer o emprego de calidade como elementos clave do desenvolvemento económico do municipio.